O truco da tarifa plana de autónomos

Moitxs nos preguntades sobre a tarifa plana de autónomos. Velaquí unha pequena explicación:

Que e a tarifa plana de autónomos? Cales son os requisitos?

A tarifa plana para autónomos é unha medida aprobada en 2013 que consiste no pago dunha cota mensual reducida á Seguridade Social en calidade de autónomo e para apoiar o emprendemento. Inicialmente só para menores de 30 anos foi ampliada e modificada en 2014 e 2015.

Desde o 2015 os requisitos para poder solicitar a tarifa plana de autónomos son:

  • Non ter estado en autónomos durante os cinco últimos anos.
  • Non ser administrador dunha sociedade mercantil.
  • Non ter recibido anteriormente ningunha bonificación da Seguridade Social como autónomo (aínda que pasasen máis de cinco anos)
  • Non ser autónomo colaborador (réxime especial para familiares dos autónomos).
  • Non estar en réxime de pluriactividade (traballando por conta allea e á vez por conta propia)

Canto custa?

A contía da tarifa plana non é fixa, existen tres tramos semestrais de redución sobre a base mínima de cotización e o tipo mínimo de cotización. A cada tramo aplícaselle unha porcentaxe de redución distinta, e a duración de cada tramo, así como as reducións aplicables, varían en función da idade do novo autónomo e das súas condicións persoais:

Para maiores de 30 anos, a duración máxima é de 18 meses, nos seguintes tramos:

  • Os seis primeiros meses, 53,07€ mensuais (redución do 80% da cota mínima)
  • Desde o mes sétimo até o primeiro ano, 131,36€ (redución do 50% da cota mínima)
  • Desde o mes trece ao dezaoito, 183,85€ (redución do 30% da cota mínima)
  • A partir do mes dezaoito pagaríase a cota normal, sendo a mínima de 261,83€.

Para menores de 30 anos e mulleres menores de 35 anos está prevista unha bonificación especial de 12 meses máis, sendo a duración máxima ata 30 meses:

  • Os seis primeiros meses 53,07€ (redución do 80% da cota mínima)
  • Desde o mes sétimo até o primeiro ano, 131,36€ (redución do 50% da cota mínima)
  • Desde o mes trece ao mes trinta, 183,85€ (redución do 30% da cota mínima)
  • A partir do mes  trinta pagaríase a cota normal, sendo a mínima de 261,83€.

A letra pequena

O que non nos contan é que a redución da Tarifa Plana se aplica só sobre a base mínima de cotización, é dicir: un traballador que se adscribe á tarifa plana ten cobertura de asistencia sanitaria e cotiza para a xubilación, pero non ten cobertura por desemprego, nin por accidentes profesionais de traballo. No suposto de querer cotizar por estas continxencias, e ter acceso, por exemplo, á prestación por cesamento de actividade (o paro dos autónomos) é imprescindible ampliar a cota mensual: o que suporía pagar máis.

A cota dos 50€ preparouse mediante un sistema de reducións sobre a cota base: pero a redución só se aplica sobre a base mínima de cotización (884,40€ para o ano 2015). É dicir, se eu quero cotizar por 1.500 euros para ter mellores coberturas por desemprego, incapacidade temporal ou acumular cotizacións para a miña xubilación, a redución do 80% só se aplica sobre os primeiros 884,40€ (cota de 53,07€), tendo que cotizar na escala normal polo resto (o que supón ter que pagar uns 140€ máis de cotización polos 615,60€ restantes de base). Por tanto, só terei cota reducida se cotizo pola base mínima, cotizando na escala normal polo resto.

Por outra banda, e tal e como xa vimos no parágrafo anterior, a cotización real é sempre superior aos 50€ se eu quero cotizar por tódalas continxencias. A redución non alcanza á cotización por incapacidade temporal e accidente de traballo. Estas cotizacións supoñen entre o 3,30% ou o 3,90% máis se escollo cotizar tamén polo paro de autónomos. Un plus de cotización que vai entre os 28,33€ e os 33,49€ máis. Polo que os 50 euros teóricos dos que todos falamos (e que so duran os 6 primeiros meses) se converten en realidade en case 80€.

Outras cuestións a ter en conta

Contrariamente ao que circula por ahí, a tarifa plana de autónomos non ten permanencia, pero si que é certo que unha vez te das de baixa non a podes voltar a solicitar, xa que incumplirías o terceiro requisito (non ter recibido anteriormente ningunha bonificación da Seguridade Social como autónomo).

Un requisito que non se menciona e que sempre hai que cumprir é pagar en prazo a devandita cota, dado que se o último día do mes non pagamos as cotizacións a autónomos, os 50€ teóricos desaparecen e a nosa débeda á Seguridade Social pasará a ser duns 300 euros.

 

Cooperativas de Traballo Asociado

Ao contrario que no caso das sociedades mercantiles, as sociedades cooperativas de traballo asociado si poden optar á tarifa plana de autónomos, pero no noso caso decidimos acollernos ao réxime xeral da seguridade social. O motivo é sinxelo: a pesar de que é (teoricamente) máis caro, o réxime xeral adáptase mellor á realidade laboral dos traballadores creativos e culturais, permitindo cotizar polo que traballamos e cobramos (e non por todo o mes en función da base mínima de cotización) e a maiores, como acabamos de ver, as coberturas son maiores.

Máis dúbidas: info@7Hcoop.es

0 Comments

Leave a reply

Contáctanos

Intentaremos resolver as vosas dúbidas o antes posible!

Sending

(cc) 7H s. coop. galega // 7hcoop@7hcoop.es

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
or

Log in with your credentials

Forgot your details?

Saltar para a barra de ferramentas