Un dos propósitos fundamentais de 7H é promover, defender e apoiar na medida do posible unha serie de proxectos artísticos nos que prevalece a implicación social e a solidariedade sobre o interese económico.
Son os que denominamos Proxectos de Impacto Social: propostas artísticas indispensables para divulgar a importancia da creatividade na sociedade e que actualmente non logran desenvolverse noutro tipo de ámbito que non sexa o da cooperación. Aínda que este termo se establece co nacemento da cooperativa, xa no 2014 se leva a cabo un proxecto de ideario similar: Local Disponible, proxecto de ocupación artística.
Para 7H Cooperativa Cultural é moi importante apoiar de forma activa e constante este tipo de proxectos de impacto social; e implicar no proceso a socias, socios e demais colaboradores, que son os responsables de propoñer, adoptar ou deseñar estas iniciativas.
Como mínimo o 1% de tódolos beneficios da cooperativa son destinadas aos Proxectos de Impacto Social, que poden ser proxetos propios, ou colaboracións con proxectos externos. Por exemplo, o primeiro proxecto de impacto social co que 7H se compromete como cooperativa é #SaveGenderMuseum, unha iniciativa da artista española María (Pimienta) Sánchez para lograr a sostenibilidade e conservación do único museo de xénero e igualdade ao leste de europa.
Tras a asamblea extraordinaria do 26 de Agosto de 2015, decídese por 21 votos a favor e 4 abstencións a adopción de ‘Algo Máis de Cor‘ como II proxecto de impacto social, comprometéndose a cooperativa a trasladar o estudo da Asociación Cultural [sen marco] e a artista Mónica Alonso ás habitacións reais da área de pediatría do Hospital Clínico de Santiago. Este é o noso propósito máis ambicioso para o 2016!