Ana Gil, artista plástica

Ana Gil (Ourense, 1973) é licenciada en Filoloxía Hispánica e doutora en Belas Artes.

7H- Benvida Ana. As túas dúas vocacións son a palabra escrita e a creación artística, traballas con elas por separado ou desfrutas máis empregándoas coma unha simbiose?

Ana Gil- As interferencias poden aportar un factor sumativo e ás veces, poden resultar claramente nocivas. Nos meus comezos, creo que existía un exceso de narratividade nos meus traballos, que fun depurando sen eliminar do todo. Podo dicir que tanto a literatura como a arte, foron realmente as miñas dúas… paixóns… ou vocacións… ou paixóns que se converten en vocacións… determinantes. No caso da literatura, interesábame máis a lectura e a teoría literaria (escribir imponme demasiado) e no caso da arte, si me interesou máis a propia práctica artística.

Brumas e Temores (2012)

Serie Brumas e Temores (2012)

Desde un punto de vista formal, tiña claro que as dúas formacións, ían a ser determinantes na miña vida. Sempre coexistiron estas dúas actividades e creo que van continuar coexistindo. Non adoito traballar a partir de textos literarios nun sentido ilustrativo ou de “representación”. Máis ben, a influencia de textos literarios no meu traballo é, digamos, transversal. Por exemplo, a impresión que me produciu na miña adolescencia a obra Cumes borrascosas das irmás Bronte, acabou por impregnar certas inquietudes temáticas, que moitos anos despois formulei a través dunha das miñas series, Brumas e Temores. Pero non se dá unha ilustración ou colaboración directa, senón máis ben, o recoñecemento dun territorio compartido.

7H- Observando a túa traxectoria pódese atopar un tema latente común na maioría das túas obras: a violencia no entorno íntimo do fogar, a opresión e a súa manifestación silenciosa. Explícanos como desenvolves este discurso e como define o teu traballo e posicionamento artístico.

AG-  O foco da miña reflexión artística neste momento, céntrase no fogar do desasosego, entendido este, como todas as posibles situacións de risco físico e psicolóxico, que se poden dar dentro do universo doméstico. O meu relato pretende abordar todos eses simulacros que se ocultan tras aparencia dunha feliz convivencia familiar, e que produce en definitiva, a alienación dos seres máis desvalidos e máis vulnerables que habitan no seo do fogar: as mulleres, os nenos, os enfermos, os anciáns, etc. Trato de demostrar, que a familia funciona como un instrumento tan ideolóxico como calquera outro, cos seus mesmos elementos e estratexias, mentres se alimenta dunha proxección ao exterior, que en moitos casos, non se corresponde coa real.

Serie Permanencias Domésticas (2013)

Serie Permanencias Domésticas (2013)

A partir do coñecemento e da sublimación da dor, o territorio doméstico aparece reflectido nas miñas series fotográficas como unha extensión do corpo e da alma. “A casa é o corpo”, afirmaba a artista Lygia Clark. Historicamente e, sobre todo, de cara ás mulleres, se estendeu a consígna de que a casa constituía un refuxio de salvación fronte aos males do mundo exterior, por iso é polo que a reclusión destas no interior dos fogares, non se entendía como un signo de violencia, senón de protección e respecto cara a eses “anxos domesticados”. Esas vítimas existiron como exiliadas do mundo en casas de bonecas que nos venderon como agasallo de amor e protección, e que non foron máis que celas de explotación. O espazo doméstico, adquire así unha función perversa en moitas ocasións, que nos sorprende a diario nas noticias de sucesos, mentres pomos cara de estrañeza. A obrigación do artista é, moitas veces, dicirlle á xente o que non quere escoitar.

7H – Aínda sendo temas tan desgarradores, estéticamente a túa arte posúe unha apariencia delicada e moi poética. Como vives ese proceso de plasmar a voz das vítimas e os seus medos internos por medio das túas creacións?

AG- Gústame sempre lembrar as palabras do escritor Juan José Millás, cando di: “escríbese desde o conflito”. No meu caso, de maneira rotunda, créase tamén, sempre desde o conflito.

Os meus primerísimos proxectos, abordaban o concepto do corpo en relación co problema da identidade, pero case enseguida, deime conta de que a miña verdadeira preocupación se desviaba dese concepto do corpo illado, para centrarse definitivamente nos conflitos vinculados co fogar desasosegante e a estrutura familiar. O corpo oprimido, cercado e sometido dentro dese espazo asfixiante, que pode chegar a ser a casa e a familia, é a paradigma que se repite ao longo da maioría dos meus traballos. Efectivamente, tras as miñas composicións aparentemente “doces” se esconde un abismo de dor. Sobrevoa sobre todas as miñas pezas un ton confesional, que non remite necesariamente a cuestións que teñen que ver co autobiográfico pero si coa memoria familiar de seres próximos.

Serie Condimentos (2006)

Serie Condimentos (2006)

No meu caso, case sempre os factores externos supoñen puntos de arranque decisivos: unha noticia, un recordo, unha imaxe no xornal ou unha conversación poden servir como punto de inflexión…

En xeral resúltame moi potente a simboloxía encerrada tras os obxectos: unha bandexa, unha caixa forte, un sumidoiro, unha boneca… e a partir desa realización concreta, empeza a construción de algo que cada vez se vai afastando máis dese obxecto orixinal, que busca ter un alcance máis abstracto que remita basicamente a nocións próximas e mesmo turbias, vinculadas coa estrañeza da condición humana.

A impresión dos meus traballos fotográficos sobre aluminio, xurdiu por mor da investigación sobre distintos soportes e formatos. Interésame o resultado frío e metalizado destes acabados fotográficos, especialmente porque supoñen un contrapunto ao forte contido emocional das imaxes. Para evitar cargar “melodramáticamente” as pezas, o aluminio ofrece un punto de equilibrio xusto, á parte da valoración que me supoñen certos aspectos exclusivamente técnicos que ofrece, como a veladura metálica, a transparencia, os matices prateados ou dourados, etc.

Pero sobre todo, gústame insistir en que todas as miñas pezas son tramposas… detrás desa aparente dozura áchase un universo de desconsuelo.

Serie (en)marcadas (2013)

Serie (en)marcadas (2013)

7H- Artistas (ou obras) de referencia ou significativa na túa traxectoria?

AG – Adoito comentar que a débeda contraída é inasumible. As referencias no meu caso, son múltiples e impensables, mesmo cando aparentemente, non aparezan rastros de posibles remitentes. Pero están aí, ocultas e invisibles, porque nalgún momento che produciron unha conmoción inesquecible.

As referencias non se cinguen exclusivamente ao terrero das artes plásticas, senón da literatura e o ensaio. Por unha banda, no meu caso a influencia literaria de Federico García Lorca foi fundamental, pola súa poética e as súas potentes imaxes, pero tamén pola súa empatía cara aos desvalidos que en ocasións presenta dentro do espazo privado ou sometidos a innumerables desvaríos en torno ao conflito da identidade.

Doutra banda, desde un punto de vista máis filosófico, certos compoñentes do nihilismo ou do o existencialismo francés, impresionáronme fortemente desde moza, a través de obras como A náusea de Jean Paul Xastre, que dunha ou outra forma, están latentes detrás do meu discurso poético. Tamén destacaría a obra doutro existencialista, Albert Camus, sobre todo a súa visión sobre á condición humana e a maneira de abordar un profundo sentimento de humanidade.

Xa directamente no territorio da historia da arte, interesoume especialmente a arte de vangarda, o seu carácter subversivo e escasamente comercial, e especialmente, a obra de mulleres artistas que empezaron a visibilizarse a partir dos anos 60. A obra da cubana Ana Mendieta deixoume unha marca moi profunda, xa que puiden ver en directo a súa mostra no CGAC. Pero a lista de influencias e persoas ás que admiro é moi longa: Mona Hatoum, Loisse Bougeoise, Sophie Cale pola ligazón que mantén entre Arte e Vida, Doris Salcedo cos seus traballos con mesas, mobles ou restos de pezas de desaparecidos en Colombia, etc.

7H– E por último, algún desexo como artista?

AG- Un Desexo… poder ser eu mesma sen medos.

Para máis información:

 Web

soana1973@yahoo.es

0 Comments

Leave a reply

Contáctanos

Intentaremos resolver as vosas dúbidas o antes posible!

Sending

(cc) 7H s. coop. galega

todas as imaxes e textos son propiedade dos seus autores

7hcoop@7hcoop.es

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
or

Log in with your credentials

or    

Forgot your details?

or

Create Account

Saltar para a barra de ferramentas